Thursday 02 de May de 2024

Preparádevos para a fin de semana


As entidades de San Sadurniño ofertan cinco propostas distintas desde o venres até o domingo

Habitualmente publicamos o xoves ou o venres un pequeno resume dos eventos previstos para a fin de semana organizados polo Concello ou polas entidades do municipio. Porén, a fin de semana que vén aí ten tal carga de propostas que, desta vez, adiantamos a información ao luns para que cadaquén vaia organizando a súa propia axenda desde o venres até o domingo. E é que imos ter de todo, aínda que cunha marcada orientación infantil e deportiva. O venres e mailo sábado teremos no campo de Currás un torneo de fútbol benxamín con 30 equipos participantes, o sábado o pavillón acollerá o IV Torneo Brío de rítmica con outras 15 formacións chegadas de toda Galicia e ese mesmo día desenvolverase na leira da Cortiña o IX Encontro escolar de xogos tradicionais organizado por Brinquedia. Ademais destas citas, tamén temos que contar co Xantar popular do sábado organizado pola comisión de festas de Ferreira e coa camiñada á romaría da O do domingo programada pola AVV O Castelo de Narahío.

Desde o Concello aprovéitase a ocasión para lembrarlles aos clubes e entidades do municipio que deben facer chegar ao correo concellodesansadurnino@gmail.com ou correo@sansadurnino.gal todos os datos relativos aos eventos que organizan se queren que se lle dea publicidade no boletín Novas, na web municipal e nas redes, tal e como se especifica no apartado Comunicación do portal municipal.

Neste sentido é importante que cando se envíen informacións para publicar se inclúan no correo algúns datos imprescindibles. No caso de eventos ou actividades organizados por asociacións ou clubes: nome do evento/actividade, unha pequena descrición, a data, os horarios, os prezos e as datas límite de inscrición, se os houbese. Tamén é de axuda que se faga chegar o cartel ou algunha fotografía referencial. Deste xeito o Concello poderá publicar a actividade no Novas e noutros soportes, como a web, o facebook, o twitter ou como previsión informativa para os medios comarcais. Desta maneira todo o que se organice no territorio terá moita maior difusión.

Lembramos, ademais, que na publicidade -carteis impresos, facebook, twitter, etc.- de toda a programación en que colabore o Concello a través das liñas de axuda que se convocan anualmente tamén debe facerse constar esa colaboración utilizando a imaxe corporativa municipal, dispoñible a través desta ligazón.

Dito todo isto, metámonos xa no asunto de cantas cousas vai haber -por orde cronolóxica- desde o venres 11 até o domingo 13. Tomade nota.

Venres 11 e sábado 12, fútbol: Torneo de convivencia Benxamín
O CF San Sadurniño, vixente campión ligueiro na categoría prebenxamín, é o anfitrión dun torneo de convivencia dos equipos benxamíns de toda a comarca. Serán dous días dedicados ao fútbol de base ao que asistirán 30 formacións. O venres 11 xogaranse partidos desde as 17.00h. até pasadas as 22.00h. (o último comeza ás 21.35h.), mentres que o sábado 12 o torneo reiniciarase ás 10.00h.. As eliminatorias e as semifinais disputaranse pola tarde, a partir das 15.30h. Prevese que a final comece sobre as 19.30h.

Os partidos desenvolveranse simultaneamente en dous campos de fútbol 8 deseñados ao ancho da cancha de Corrás. No Facebook do CF San Sadurniño -organizador do torneo en colaboración coa delegación ferrolá da Federación Galega de Fútbol- poden consultarse os cruzamentos e os horarios de cada partido.

No evento participan o propio CF San Sadurniño, o CD Narón, o Rápido de Neda, a Cultural Maniños, o Galicia de Caranza, o Portuarios, o CD As Pontes, o Numancia de Ares, Galicia de Mugardos, o Perlío, o CD Cariño, a SD Cedeira, as escolas do Rácing de Ferrol, o Libunca, o FC Ortigueira, a SD O Val, o Eume Deportivo, a AD Miño, o Narón-O Freixo e a SCDR Ánimas.

Sábado 12, IV Torneo Brío de ximnasia rítmica
O Club Deportivo Brío organiza nesta data o seu cuarto torneo de ximnasia rítmica. Arrancará ás 11.00h. coa quenda da ximnasia escolar, tanto en conxunto como individual, mentres que pola tarde se desenvolverán as probas de promoción individual, conxuntos e base individual.

O club local participará en 16 categorías, desde as máis pequenas -baby e prebenxamín- ata as senior. Ao encontro confirmaron a súa asistencia 15 clubs chegados de toda Galicia que, en total, reunirán no pavillón municipal de San Sadurniño a arredor de 250 deportistas de distintas idades. Hai máis información no Facebook da entidade.

Sábado 12, XII Encontro Escolar de Xogos tradicionais
A leira do arboreto galego da Cortiña acollerá o sábado 12 de maio a duodécima edición do Encontro escolar de Xogos tradicionais que organiza desde 2005 a rede Brinquedia. Na xornada de San Sadurniño reuniranse centros de ensino de toda Galicia para poñer en práctica unha trintena de xogos, pero tamén para participaren en obradoiros e exhibicións. Todo nun ambiente non competitivo e integrador do que, ademais da rapazada e o profesorado, tamén poderán formar parte as súas familias.

A xornada terá dúas partes, unha de mañá e outra de tarde cunha paréntese ao mediodía para un xantar campestre na propia leira da Cortiña. A mañá -de 11 a 14.00h. máis ou menos- está pensada para brincar de forma rotatoria nos xogos que haberá dispoñibles, practicamente todos grupais. Carreiras de sacos, carrilanas, as bólas, o tres en raia, a mariola, tiro de corda, a rá, o pano, o peón, o aro, a billarda… e así ata compoñer unha oferta de 30 entretementos.

Pola tarde, entre as 15.30 e as 17.30h., haberá exhibicións de billarda, loita galega, cocha, chave, lanzamento de goxo e birlos celtas.

Sábado 12, IX Xantar popular en Ferreira
A comisión de festas do San Cristovo e do San Paio deste ano organizaun xantar popular a base de callos, carne asada, sobremesa, pan, cafée chupito. Desenvolverase ao pé da capela de Ferreira de Arriba baixo unha carpa e os tiques están á venda no Bar Ferreira, en Casa Casal, noBar Xayda, no Bar Del Palacio e na cafetería As Tres Pontes por un prezo de 20 €. Os nenos e nenas de menos de cinco anos non pagan eos de 5 a 12 anos terán un prezo especial de 5 €. A xornada inclúe animación de Disco Móvil D.J. A.

Domingo 13, camiñada á romaría da O
Coma todos os anos, neste 2018 a Asociación Veciñal O Castelo tamén volve cumprir coa tradición de ir a pé ata Pedroso, participando nunha das romarías máis antigas de toda a comarca.

A romaxe sairá do cruce do Eirexado ás 10.30h., pasando logo por Cabanas, Liñares, Os Tortos, a área recreativa do Muíño de Pedroso para, finalmente, chegar ao santuario a iso das 11.30h. Desde a asociación recomendan levar chaleco reflectante, calzado cómodo, e un caxato. A ruta, para a que non se require inscrición previa, é apta para calquera idade.

Máis programación para o que queda de mes
Esta será a primeira fin de semana do mes en que teremos moito e moi variado entre que escoller, pero non a única. Para a semana a programación estará capitalizada pola celebración das Letras Galegas cun evento o propio xoves 17 a partir das 18.00h. na Casa da Cultura e co II Encontro Infantil de Cantares tradicionais que terá lugar o sábado 19 á mesma hora no local social de Naraío.

O último domingo de mes, día 27, San Sadurniño volverá concentrar tres actividades case simultáneas e complementarias entre si: a V Carreira popular Concello de San Sadurniño, a XII Feira de Artesanía e de degustación de carrilleiras en Lamas e unha nova edición do Mercado local nos xardíns municipais.